Democracia

é decidir

Plataforma Galiza con Catalunya

Flickr

 
 

Comunicado da Plataforma Galiza con Catalunya a respeito das detencións de Jordi Cuixart e Jordi Sànchez



Diante da encarceramento incondicional e sen fianza dos presidentes de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, e da Assemblea Nacional Catalana, Jordi Sànchez, ordenado no día 16 de outubro pola Audiencia Nacional española, a Plataforma Galiza con Catalunya e as organizacións parte dela queremos manifestar o seguinte:

1. A decisión da Audiencia Nacional, tribunal que é herdeiro directo do franquista Tribunal de Orde Pública, só pode ser entendida como unha decisión política, en toda a súa extensión. Non cabe, xa que logo, tentar disfrazala de instrución legal, nen moito menos invocar calquera pretendida independencia dos poderes xudiciais españois. O argumento de que a fiscalía persegue todos os delitos por igual e o exemplo das sentenzas contra cargos de relevancia dos partidos que se alternan no goberno do Estado son, simplemente, razoamentos inválidos, alén de seren falsos.

2. A teima dos poderes do Estado en aplicar desproporcionadamente a súa propia lexislación en relación á disidencia política non é novidade ningunha no marco do Estado español, que, ademais, nos últimos tempos, ten lanzado unha política de endurecemento xeral das penas relacionadas co activismo político e social. Os presos e as presas políticas nos cárceres españois existen, tamén na Galiza, por mais que os poderes mediáticos pretendan negalo e por mais que o goberno se indigne falsamente diante desta afirmación. Que a maioría das persoas presas por estes motivos procedan das nacións sen Estado que se organizan para avanzar na súa liberación social e nacional evidencia, tamén, cal é o perigo que máis claramente percebe o Estado.

3. O que o Estado español aplica contra os presos políticos non é outra cousa que o dereito penal do inimigo, concepto que por si propio entra en conflito directo coa democracia e co Estado de dereito que o españolismo di defender. Por outra parte, a baixa calidade da democracia no conxunto do Estado é un argumento repetido desde hai décadas polas organizacións pro-independencia das nacións non recoñecidas por este. Nos últimos meses, porén, as accións represivas do Estado están a tornar todo isto evidente para o conxunto da sociedade.

4. Non denunciarmos a persecución de ideas e propostas políticas que o Estado español leva a cabo desde hai anos — e agora, de xeito particular, na Catalunya — sería tornármonos cómplices desta persecución, que é tan incompatíbel coa democracia como pretender colocar a lexislación particular por riba dos dereitos colectivos dos pobos, incluído, como é lóxico, o dereito de autodeterminación.

5. Por todo isto, desde a Plataforma Galiza con Catalunya expresamos máis unha vez a nosa total solidariedade cos detidos, coas súas familias e as súas organizacións, e co proceso social e político que o pobo catalán protagoniza a esta hora a camiño da súa propia República.


Llibertat Sánchez i Cuixart!
Visca Catalunya lliure!
Avante a loita dos pobos!

Difunde!